You are here
Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER)
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) é un ente público da Xunta de Galicia que promove e coordina o desenvolvemento rural en Galicia. Este desenvolvemento ten como finalidade mellorar a calidade e condicións de vida dos habitantes do medio rural, evitar ao despoboamento deses territorios e contribuír, así, á cohesión de Galicia.
AGADER creouse no ano 2000. Na actualidade está adscrita á Consellería do Medio Rural.
AGADER elabora estratexias, planifica actuacións, coordina e xestiona recursos destinados ao desenvolvemento do medio rural. Como ente público xestor do programa LEADER en Galicia realiza as tarefas de apoio e de seguimento e control dos programas executados polos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) nesta rexión.
Entre as funcións de AGADER enuméranse:
- Impulsar a formulación e aplicación a nivel comarcal de estratexias de desenvolvemento rural integrado, en especial mediante a dinamización e coordinación dos grupos de desenvolvemento encargados da súa execución
- Articular proxectos de desenvolvemento rural con carácter piloto e innovador, dirixidos ao reforzamento da base produtiva das áreas rurais, á valorización dos seus recursos e á mellora da calidade de vida dos seus habitantes
- Promover e favorecer a cooperación entre os axentes públicos e privados cuxas actuacións incidan directa ou indirectamente no desenvolvemento das zonas rurais
- Contribuír ao reforzamento do tecido social e á mellora da capacidade organizativa das áreas rurais
Máis información en http://agader.xunta.es