A custodia do territorio no ITI Peneda Gerês

As medidas de protección ambiental son vistas frecuentemente como unha ameaza polos residentes tradicionais das áreas protexidas. Non obstante, a configuración da paisaxe e a conservación natural dos nosos territorios débelle moito á actividade agropecuaria máis tradicional. Se a poboación envellece ou decae, decaen tamén as prácticas tradicionais que configuraron a paisaxe e o equilibrio ambiental que herdamos.

imaxen Peneda

O proxecto de ‘Intervención Territorial Integrada Peneda-Gerês’ ten como obxectivo apoiar formas de agricultura, pastoreo e silvicultura compatibles coa conservación da biodiversidade e da paisaxe, de modo que se contribúa tanto á preservación dos hábitats como, ao mesmo tempo, a fixación ao territorio da poboación tradicional.

Para isto aplicáronse incentivos económicos en forma de pagos directos tanto ás comunidades de montes comunais, os chamados baldíos, como a propietarios privados, sempre a cambio da responsabilización ambiental nas actividades agrarias e de pastoreo.

As comunidades de montes mesmo asumen proxectos de atención social cos recursos achegados polo programa. Exemplo disto é a súa achega á construción dun centro de Día para maiores.

Unha das claves da experiencia é que se asenta nunha estrutura participativa, que dá protagonismo aos axentes locais, con participación de asociacións e cooperativas de produtores da zona, logrando desta forma unha estratexia efectiva de custodia do territorio.

O medio ambiente, polo tanto, ten que ser visto máis ca nunca como recurso endóxeno e oportunidade de vida para os residentes tradicionais.

Vídeo:

Cuestións para o debate:
  • Relación entre participación comunitaria e custodia do territorio.
  • Usos agro-gandeiros vinculados á conservación ambiental.
X