"Plan Galicia Saudable", actividade física e envellecemento activo

Impulsado pola Xunta de Galicia, e coordinado pola Secretaría Xeral para o Deporte, o Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable ten como obxectivo prioritario mellorar a calidade de vida da poboación galega a través da práctica regular de actividade física e deporte.

O "Plan Galicia Saudable" pretende favorecer as condicións necesarias para que a poboación galega goce dunha vida máis activa, que permita conservar a saúde e a autonomía persoal, gozar de maior benestar e calidade de vida, e previr e reducir a presenza de enfermidades relacionadas co sedentarismo, dende a infancia ata a vellez. O Plan pretende crear as condicións para que todas as persoas que habitan a nosa comunidade poidan adoptar un estilo de vida activo que favoreza a súa saúde, promovendo un país máis activo e san.

Plan Galicia Saudable

O elevado envellecemento poboacional de Galicia convértea nunha das 25 rexións máis vulnerables da UE de aquí ao ano 2020. A natalidade está a descender e a mortalidade aumentando. Prevese que no futuro vaia diminuíndo o número de cidadáns (un 1,5% en 2020). Galicia caracterízase por un acusado nivel de envellecemento e sobreenvellecemento (dos máis elevados de España e das rexións da Unión Europea), que se presenta sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense e, moi maioritariamente, no sexo feminino. Hai case o dobre de persoas maiores que de menores de 16 anos.

Unha das áreas de actuación do Plan céntrase na poboación rural e as persoas maiores dos concellos de menos de 10.000 habitantes posto que é onde se presentan as porcentaxes menores de práctica deportiva, ademais de presentar os niveis máis baixos de satisfacción coa práctica deportiva e a actividade física, así como unha maior presenza de persoas que nunca practicaron deporte.

Galicia Saudable conta con 156 medidas repartidas en sete ámbitos de actuación: Sanitario, Comunitario e Local, Tempo Libre e Deportivo, Laboral, Educativo, Urbanismo-Medio Ambiente e Infraestruturas e Persoas Maiores, así como en tres áreas transversais (mulleres, discapacidades e colectivos en risco de exclusión).

A creación de programas de ocio activo para persoas maiores, proxectos específicos para implantar exercicio físico regular nas residencias de maiores, así como a avaliación periódica da condición física orientada á saúde nestes centros, e/ou noutros puntos de atención ás persoas maiores, son algunhas das accións directas enmarcadas dentro deste plan. A maiores desenvólvense outras accións de carácter transversal incluídas nos outros ámbitos de actuación.

X