Universidade de Santiago de Compostela- IDEGA

Logotipo IDEGA

O Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia, IDEGA, é un centromultidisciplinar de investigación e de formación de referencia da Universidade de Santiago de Compostela. O seu obxectivo é fomentar a investigación científica, xerar de coñecemento sobre a realidade social económica e territorial de Galicia e a difusión dos seus resultados en beneficio de toda a sociedade, así como formar diferentes perfís de axentes de desenvolvemento territorial.Creado en 1975, foi un dos institutos pioneiros da USC que dende os seus comezos realizou un amplo labor de investigación e estudo da realidade socioeconómica e territorial a través do desenvolvemento dunha forma integrada e transdisciplinar de proxectos de investigación.

O IDEGA realiza investigación básica e aplicada no ámbito das Ciencias Sociais, sobre os problemas de desenvolvemento económico no pasado e no presente, con especial atención á realidade social e económica de Galicia. Baixo este presuposto, convértese nun ámbito de encontro interdisciplinar da Economía, a Historia, a Xeografía e a Socioloxía.

O IDEGA participa no Proxecto SYMBIOS elaborando informes e realizando labores de asesoramento científico. Dun xeito concreto, co proxecto colaboran dous grupos de investigación adscritos a este instituto: o Grupo de Análise e Modelización Económica (GAME, GI-1883 da USC) e o Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio (GIST).

Por unha banda, o GAME participou na coordinación e definición da planificación estratéxica territorial, tanto para administracións públicas como para empresas privadas. Na actualidade, desenvolve un proxecto cuxa finalidade é a realización de estudos e proxeccións sobre a realidade socioeconómica de Galicia en forma dun Observatorio Social. Neste marco desenvolveuse unha ferramenta que permite xestionar información cualitativa xeorreferenciada co obxecto de resolver problemas de avaliación da calidade de vida e benestar da poboación dun espazo económico e de xestión e planificación estratéxica en contextos de cambio demográfico. O GAME, ademais, está a desenvolver investigacións relacionadas coa exclusión territorial, analizando cuestións como a exclusión financeira e a exclusión laboral.

Por outra banda, o GIST está especializado na investigación dos impactos das Tecnoloxías da Información e da Comunicación na sociedade e no territorio. Ademais, realiza outras investigacións e actividades: estudos socioeconómicos, demográficos e urbanísticos; proxectos de planificación estratéxica do desenvolvemento local, urbano, rural e rexional; avaliación e definición de políticas públicas de desenvolvemento social, económico e territorial; deseño, implantación e aplicación de técnicas de planeamento social participativo en comunidades locais urbanas e rurais, entre outras.

Pode atopar máis información en http://www.usc.es/idega/

GAME, GI-1883 USC,en http://solar.usc.es/game/?lang=es

GIST, en http://www.gist.es/public/index.php?pid=home&categoria_pag=1

X