Proxecto "Sementeira", inserción social e laboral con perspectiva ecolóxica

"Sementeira" é un proxecto co que Cáritas quere contribuír á sostibilidade ambiental, económica e social da comarca de Ordes a través da posta en marcha de hortas urbanas destinadas a familias en situación de precariedade económica e/ou exclusión social ou risco de padecela.

Trátase de proporcionarlles ás familias unha oportunidade para participar nun proxecto social e tamén facilitarlles unha ferramenta de apoio para a súa sustentabilidade económica a través da produción hortícola para o autoconsumo. Preténdese así diminuír a súa dependencia dos bancos de alimentos, contribuíndo á súa formación e abrindo paso á súa inserción laboral.

Ao redor de 30 familias participan nesta iniciativa tendo á súa disposición unha parcela de 7.000 m2 no núcleo urbano de Ordes , cedida polo concello. Cada parcela conta cun pequeno invernadoiro ademais de servizos e espazo para o almacenamento, así como unha zona de reciclaxe onde se fabrica compost.

Imaxen proxecto sementeira

Á aprendizaxe do traballo hortícola non é só técnica, senón que vai acompañada de contidos relacionados coa organización de grupos, xestión de material, convivencia e competencia laboral. O proceso de formación irase completando con aspectos máis enfocados á aplicación deses coñecementos no ámbito laboral: procura activa de emprego, análise da situación laboral da comarca...

Cando a formación sexa completa, procederase á creación dunha bolsa de emprego, mediando para atopar empregos por conta allea e asesorando a creación de iniciativas por conta propia.

Proxecto Esmelle, recuperación do patrimonio e solidariedade veciñal

O proxecto iniciase na parroquia ferrolá de Esmelle a finais de 2003 tendo como obxectivo a posta en valor do Val a través da recuperación do seu patrimonio e do aproveitamento sostible dos seus recursos.

A Asociación veciñal de Esmelle e os veciños e as veciñas, de forma voluntaria, organizan xornadas de traballo para a rehabilitación e limpeza do patrimonio etnográfico. Tamén desenvolven xornadas educativas relacionadas co medio natural, co patrimonio e coa recuperación dos bosques autóctonos.

Os obxectivos perseguidos son os seguintes:

  • Fomentar as accións voluntarias enfocadas a conservar e recuperar o patrimonio.
  • Formar e concienciar a veciñas e veciños na protección do medio ambiente.
  • Fomentar o turismo no Val de Esmelle.
  • Posta en valor do patrimonio etnográfico, histórico e inmaterial.

Para poder lograr estes obxectivos, é crucial a implicación de veciñas e veciñas, procurar o apoio das administracións e propietarios e desenvolver actividades socias que axuden a comprender o proxecto Esmelle.

Imaxen proxecto esmelle

Este proxecto pódese desenvolver en calquera lugar tendo como premisa despertar nos veciños e veciñas a conciencia por cambiar o seu contorno, por conservar o seu e porrespectar os recursos.

"Aurora dos camiños", participación en comunidade

"Aurora dos camiños" é un proxecto que ten como base a experiencia do Camiño de Santiago. Constituída como cooperativa de traballo asociado no ano 2011 ofrece, na parroquia de San Martiño de Ozón, no concello de Muxía, un servizo de albergue de peregrinos.

Nunha leira arrendada ao arcebispado, e onde se atopan os restos dun mosteiro do século XII e da casa reitoral, desenvolven un proceso de rehabilitación e recuperación no que participan socias, veciñanza e xente que se achega a coñecer e participar no proxecto.

Imaxen Aurora dos camiños

As socias e socios non se conforman con ser só un espazo para o descanso de camiñantes ofrecendo, ao tempo, participar nunha experiencia en comunidade baseada no intercambio de experiencias persoais e profesionais.

Organizan actividades temáticas e obradoiros de coñecemento, así como rehabilitación de bens de interese cultural, recreacións históricas e prácticas de agricultura natural.

A custodia do territorio no ITI Peneda Gerês

As medidas de protección ambiental son vistas frecuentemente como unha ameaza polos residentes tradicionais das áreas protexidas. Non obstante, a configuración da paisaxe e a conservación natural dos nosos territorios débelle moito á actividade agropecuaria máis tradicional. Se a poboación envellece ou decae, decaen tamén as prácticas tradicionais que configuraron a paisaxe e o equilibrio ambiental que herdamos.

imaxen Peneda

O proxecto de ‘Intervención Territorial Integrada Peneda-Gerês’ ten como obxectivo apoiar formas de agricultura, pastoreo e silvicultura compatibles coa conservación da biodiversidade e da paisaxe, de modo que se contribúa tanto á preservación dos hábitats como, ao mesmo tempo, a fixación ao territorio da poboación tradicional.

Para isto aplicáronse incentivos económicos en forma de pagos directos tanto ás comunidades de montes comunais, os chamados baldíos, como a propietarios privados, sempre a cambio da responsabilización ambiental nas actividades agrarias e de pastoreo.

As comunidades de montes mesmo asumen proxectos de atención social cos recursos achegados polo programa. Exemplo disto é a súa achega á construción dun centro de Día para maiores.

Unha das claves da experiencia é que se asenta nunha estrutura participativa, que dá protagonismo aos axentes locais, con participación de asociacións e cooperativas de produtores da zona, logrando desta forma unha estratexia efectiva de custodia do territorio.

O medio ambiente, polo tanto, ten que ser visto máis ca nunca como recurso endóxeno e oportunidade de vida para os residentes tradicionais.

Vídeo:

Cuestións para o debate:
  • Relación entre participación comunitaria e custodia do territorio.
  • Usos agro-gandeiros vinculados á conservación ambiental.

Mercado de la Cosecha, responsabilidade social e desenvolvemento rural

Mercado de la Cosecha é unha plataforma de iniciativas e entidades que comparten e propoñen ideas para impulsar o desenvolvemento competitivo de Galicia e a sustentabilidade do medio rural.

imaxen mercado de la cosecha

Parte dos principios de innovación, calidade e sustentabilidade e os seus obxectivos son:

  • Divulgación de propostas innovadoras que sexan panca do desenvolvemento socioeconómico do medio rural en Galicia a través da xeración de riqueza e valor.
  • Promoción de actividades colaborativas como punto de encontro de todas aquelas persoas cuxo obxectivo sexa a posta en valor do noso, o próximo pero con valor engadido e diferencial.
  • Impulso no desenvolvemento de ferramentas que permitan promover iniciativas innovadoras de alto potencial para o sector.

Vídeo:


Ler máis: http://www.mercadodelacosecha.com

As principais cuestións para o debate
  • A posta en valor da iniciativa e a innovación no medio rural
  • A responsabilidade social como motor de desenvolvemento

Mocidade universitaria ao servizo do desenvolvemento rural: Geraz com Querença

A freguesía de Santa Leocádia de Geraz do Lima desenvolveu o proxecto Geraz con Querença.

O proxecto consiste na definición dunha estratexia para a dinamización do territorio. O obxectivo fundamental foi por en valor os activos endóxenos dese territorio e contribuír a revalorizar a identidade cultural local e a calidade de vida neste espazo rural.

imaxen geraz

O medio para alcanzar este obxectivo foi a contratación, durante nove meses, de nove persoas novas, recentemente licenciadas en diferentes disciplinas, como o turismo, o deporte, a enxeñería agraria, a xerontoloxía ou a informática, entre outras.

Cada unha debía desenvolver un proxecto que puidera converterse en negocio viable, unha vez rematado o período de contratación. Tamén realizaban intervencións en conxunto, como as feiras, onde se daba saída a producións locais.

Vídeo:

As principais cuestións para o debate:
  • Saberes universitarios e desenvolvemento rural
  • Sobre fórmulas comunitarias tradicionais reconstrúese un modelo de desenvolvemento sustentable

A biomasa como motor da inserción en Vilalba

O Centro Ocupacional é un equipamento especializado de estancia diúrna, destinado a proporcionar atención integral a persoas con discapacidade intelectual. O centro desenvolve accións de formación e actividades de capacitación e terapéuticas de formación ocupacional e de desenvolvemento de habilidades persoais e sociais.

imaxen fundación Vilalba

O Centro vén desenvolvendo, nos últimos anos, un proxecto de uso da biomasa forestal que pretende aproveitar esta fonte de enerxía e satisfacer as demandas caloríficas das instalacións.

Ao redor da utilización da biomasa, e ademais de abastecer a caldeira do centro, realízanse unha serie de actividades de integración e inserción laboral e de capacitación para o emprego. Xunto con actuacións de protección do medio ambiente e de promoción do desenvolvemento sostible, preténdese poñer en valor os recursos naturais do territorio.

Vídeo:

Principais preguntas para o debate:
  • Articulación de axentes en proxectos comúns de carácter universalista
  • Identificación de recursos con potencial para a inclusión

Reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

A Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos é unha entidade sen ánimo de lucro que se constitúe no ano 2008 tendo como obxectivo a xestión de programas e proxectos de desenvolvemento rural nos termos municipais de Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Cesuras, Curtis, Sobrado dos Monxes, Culleredo, Coirós, Irixoa, Miño, Oza dos Ríos, Paderne, Oleiros e Sada.

terras do Mandeo

Dirixe a súas actividades a contribuír ao desenvolvemento sostible do ámbito territorial de Mariñas-Betanzos e servir de núcleo de integración e representación dos diferentes axentes tanto públicos como privados. A metodoloxía de traballo está baseada na interacción entre os axentes dos distintos sectores da economía local.

Impulsou, con éxito, a candidatura da Reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, como unha aposta pola conservación do patrimonio ambiental e a súa utilización como activo para o desenvolvemento económico e social.

Video:

As principais cuestións para o debate
  • A conservación ambiental ao servizo do desenvolvemento económico
  • A acción dinamizadora dos axentes locais

Recuperando comunidades rurais sustentables: Aldea do Couto

A través dun estudo encargado á USC, o proxecto pretende establecer as vías para a recuperación socioeconómica da Aldea do Couto e convertela nun núcleo sostible capaz de xerar dinamismo económico e emprego a través de novas propostas empresarias, ao tempo que se persegue atraer poboación para frear o proceso de despoboamento que vive o rural galego.

imaxen Aldea do Couto

Pretende ademais proporcionar unha alternativa a mozos e mulleres que sofren especialmente o paro. O modelo pode ser perfectamente exportable a outros núcleos rurais que o poden tomar como referencia para a súa proxección socioeconómica.

As principais cuestións para o debate:
  • A universidade ao servizo da recuperación de aldeas
  • Sobre fórmulas comunitarias tradicionais reconstrúese un modelo de desenvolvemento sustentable

South Tipperary Development Company: centrándose no desenvolvemento local e integral

plano

O obxectivo desta organización é mellorar as circunstancias sociais e económicas dos individuos, grupos e comunidades aos que se dirixe, na zona de South Tipperary, mediante a posta en práctica dunha serie de programas de Desenvolvemento Rural e de Inclusión social.

‘South Tipperary Development Company’ (STDC) é o grupo de acción local para esta zona. Administra dous programas principais, concretamente o Programa de Desenvolvemento Rural, Programa Líder 2007-13 e O Programa de Inclusión Social (LCDP). Ao redor de 225 persoas traballan nestes programas e outros vinte na sede en Cahir, no condado de Tipperary, Irlanda.

Diversas iniciativas son administradas dende cada un dos programas, incluíndo a National Countryside Recreation Strategy (A estratexia nacional de lecer no espazo rural), o Rural Social Scheme (Programa social rural), e os programas locais de traballo comunitario Tús (que significa “comezo” en irlandés).

O programa 'Tús' é un programa de medidas activas de emprego (Active Labour Market Programmes) que é desenvolvido localmente por ‘South Tipperary Development Company’ (STDC) en nome do Departamento de Protección Social do Goberno. 'Tús' está deseñado para brindar oportunidades de emprego ás persoas desempregadas, ao mesmo tempo que apoia un amplo número de servizos levados a cabo pola comunidade e grupos de voluntariado.

As organizacións sen ánimo de lucro poden solicitar unha persoa para que traballe a media xornada durante doce meses con esa organización. As oportunidades de traballo poden variar entre traballos de administración, adestramento deportivo, mantemento do centro comunitario, ou mantemento de rutas de montaña e restauración do hábitat. Os únicos límites son aqueles derivados da falta de oportunidades de colocación adecuada nunha zona. Canto máis remota é a zona, menos oportunidades terá a persoa desa localidade para poder beneficiarse do programa. Feito que, ata certo punto, relaciónase cun dos temas de Symbios: a exclusión territorial.

stdc

Ler máis:
www.stdc.ie

As principais cuestións para o debate
  • O vínculo estreito entre desenvolvemento rural e inclusión social
  • Como facer uso das necesidades da comunidade (social, ambiental, etc...) para tornalas nunha oportunidade para crear empregos e inclusión laboral en zonas rurais.

Páxinas

X