Coordinando e activando valiosos recursos de turismo endóxeno para paliar a crise en áreas rurais

Logo Knockmeal active

Pilgrim Paths Day 2014

‘KnockmealdownActive’ é un grupo creado en 2011, formado por representantes da comunidade e das aldeas que bordean as ladeiras da parte norte das montañas Knockmealdown no condado de Tipperary, Irlanda.

O seu obxectivo é establecer e promover a área como un destino de turismo sustentable. Dende rutas na montaña, pesca, ciclismo, restaurantes de calidade, tabernas tradicionais,música e danza tradicional, castelos, xardíns, cemiterios históricos e unha multitude de zonas arqueolóxicas e unha paisaxe magnífica. Esta zona tiña todo o preciso,só precisaba facerllo saber á xente.

En parte, debido ao colapso do fenómeno chamado “O Tigre Celta”, esta zona, ao igual que outras moitas do rural irlandés, testemuñou un descenso na súa poboación, especialmente na xeración de xente nova e activa, educada e preparada, que migrou a centros urbanos máis numerosos como Australia ou Canada.

A iniciativa levada a cabo por ‘KnockmealdownActive’ é só un pequeno intento de usar os recursos naturais e locais da zona para intentar frear o descenso de poboación no seu territorio de actuación.

imaxen paisaxe

http://www.knockmealdownactive.com/

As principais cuestións para o debate
  • Como activar estratexias beneficiosas mediante a cooperación local.
  • Como convencernos a nós mesmos – aos nosos veciños e veciñas do rural- do noso potencial endóxeno.

Abella Lupa, recuperando a cultura do mel

A sociedade agraria de transformación Abella Lupa ten un dobre propósito: a produción ecolóxica de mel e a recuperación e divulgación do patrimonio cultural asociado á apicultura en Galicia.

imaxen abella lupa

Fórmana 4 persoas vinculadas ao ecoloxismo e con formación universitaria en bioloxía, enxeñería forestal, enxeñería de montes e educación ambiental. A actividade xera un posto de traballo, dun dos socios, sendo actividade secundaria para o resto.

Ademais da produción de mel, realiza un importante labor na divulgación da apicultura como oportunidade de desenvolvemento económico compatible coa conservación da natureza, e como patrimonio material e inmaterial que sufriu un importante abandono e risco de perderse.

As principais cuestións para o debate
  • O abandono como oportunidade para unha produción ecolóxica
  • O potencial de actividades tradicionais na xeración de novos empregos

"Vivir Aquí", espello dun rural rico e dinámico

imaxen Vivir aquí

"Vivir Aquí" é un programa da Televisión de Galicia que presenta a realidade galega cunha visión positiva. É un programa de proximidade, que se ocupa dun segmento da poboación, habitantes das vilas e do medio rural, e que traslada actitudes e elementos positivos respecto destas contornas, en ocasións minusvaloradas.

O valor patrimonial, a xeración de riqueza, o dinamismo... son elementos vinculados ao medio rural e ás vilas galegas que o programa trata de reflectir, por contraposición a unha visión negativa e afastada deste medio.

As principais cuestións para o debate
  • Serve hoxe a definición tradicional do rural, vinculada ao illamento?
  • Existe unha nova identidade rural máis positiva?

Xermade, participación é optimización de recursos

imaxen Xermade

Desde o ano 2006 o Concello de Xermade desenvolve unha liña de programación sociocultural que parte do diálogo e a coordinación con asociacións e veciñanza. A Administración local reúnese coas diferentes asociacións para ver como se pode dinamizar o concello cos poucos recursos existentes, tratando de tirarlle o máximo proveito.

É unha iniciativa onde a Administración pública asume un papel de dinamización e activación das capacidades e recursos sociais, e onde a propia actuación pública é deseñada pola veciñanza.

Baixo un modelo de xestión participativa, as asociacións e a veciñanza fan achegas na ideación de actividades que senten como necesarias, tendo en conta tamén a coordinación e complementariedade coas súas propias.

As principais cuestións para o debate
  • A participación como factor de eficiencia na acción públicas
  • Os roles dos sectores público e asociativo e a súa coordinación

Rede de Escolas na Nube

Os Centros Rurais Agrupados son grupos de escolas rurais (as antigas unitarias) con alumando de segundo ciclo de educación infantil e, nalgún caso, primeiro ciclo de primaria.

imaxen Escolas na Nube

Coa aplicación informática da Rede de Escolas na Nube, os CRA poden ter as súas áreas de colaboración e servizos virtuais para alumnado de diferentes idades, mestres e familias. A aplicación pode funcionar con conexións de baixa calidade e diversidade de dispositivos de acceso. Os seus obxectivos son:

  • Favorecer a coordinación e o traballo colaborativo entre o profesorado dos CRA.
  • Integrar zonas illadas xeograficamente e fomentar a participación das familias na educación.
  • Ofrecer visibilidade das actividades da escola e fomentar a cultura da colaboración.
  • Conseguir a adquisición de competencias tecnolóxicas por parte dos nenos e nenas do rural.
  • Establecer un maior grao de contacto e traballo conxunto entre os nenos e nenas das diferentes escolas dentro do mesmo CRA, compartindo recursos e actividades.
  • Ofrecer exercicios e contidos accesibles a través de internet que sirvan como reforzo educativo na casa.

Video:

As principais cuestións para o debate
  • As novas tecnoloxías como ferramenta para a construción de comunidade en zonas dispersas
  • Reforzo do modelo educativo de calidade que representan os CRA
  • Deseños tecnolóxicos á medida das persoas e con mínima esixencia de recursos

AFAOR, resposta cooperativa ao alzhéimer

AFAOR é unha asociación orientada a concienciar, informar, sensibilizar, propiciar, fomentar e potenciar en Ourense novos programas e servizos, buscando mellorar a calidade de vida de persoas enfermas de alzhéimer e doutras demencias e dos seus familiares, a través do entendemento e unha actitude positiva.

imaxen AFAOR

No desenvolvemento de AFAOR foi moi relevante o impulso realizado desde a Cooperativa do Ribeiro. Ese compromiso social da cooperativa vitivinícola, continúa na actualidade. En 2013 lánzase Lua Jazz, 468 botellas únicas de Brut Nature con 5 anos de envellecemento e un fin solidario: recaudar fondos para o proxecto “ Viña Costeira Rural Alzheimer”, xestionado por AFAOR.

As principais cuestións para o debate
  • O papel das entidades cooperativas no cumprimento do seu principio identitario: o interese pola comunidade.
  • A prestación de servizos ás persoas e aos seus familiares, incorporando a perspectiva dos coidados.
  • O cambio de actitude e de resposta ante o alzheimer.

"CDR Portas Abertas", transformación nos lazos comunitarios

imaxen Asociación Portas Abertas

O "CDR Portas Abertas" é unha asociación constituída no ano 1990 na Comarca de Verín, integrada en COCEDER, que leva a cabo un programa Integral de desenvolvemento do medio rural, caracterizado pola integralidade, a proximidade, a prevención, a transversalidade e a transparencia.

As áreas de traballo son os servizos sociais, con diferentes programas de inclusión; o desenvolvemento económico e a xeración de emprego, o medio ambiente e a igualdade, desenvolvendo multitude de programas destinados a todos os colectivos sociais. Trátase de alguén que lle ofreza confianza, normalmente veciños/as que xa coñece e cos/coas quen se leva ben.

A identidade rural é un dos aspectos que se traballa desde o CDR Portas Abertas, para a súa valorización e conservación. Promóvese a recuperación das relacións e lazos comunitarios, nun contexto en profundo cambio, no que a poboación do rural está moi avellentada e a infancia e mocidade concéntrase na cabeceira de comarca, con novas formas de compromiso voluntario.

Video:

As principais cuestións para o debate
  • O papel técnico, facilitador das respostas endóxenas
  • A prestación de servizos á medida das persoas, segundo as necesidades definidas pola xente
  • O declive e a transformación dos lazos comunitarios rurais

Asociación Antonio Gandoy, compromiso coa educación

imaxen Asociación Antonio Gandoy

A asociación socio-educativa Antonio Gandoy nace en febreiro de 2013, formada por persoas que traballaron en Preescolar na Casa e queren preservar aquel legado, o servizo educativo que se prestaba ás familias do medio rural e tamén un desempeño profesional cargado de compromiso.

O obxectivo da asociación é axudar ás familias a mellorar a súa práctica educativa, incorporando unha concepción integral da educación e procurando ofrecer as mellores posibilidades de desenvolvemento a todos os nenos e nenas, para que vivir no rural non implique unha discriminación.

Video:

As principais cuestións para o debate
  • Servizos educativos á medida da inclusión territorial, nun contexto de despoboamento e dispersión.
  • Recuperación dun programa baixo fórmulas de autoxestión do traballo.

Horsal, emprender na horta co mellor apoio

A cooperativa agraria Horsal é a primeira produtora galega de horta. Naceu en 1986 e conta con máis de 100 socias e socios. Está situada en Cambados, pero a súa actividade abrangue outras comarcas galegas.

imaxen Horsal

Para o mellor desenvolvemento da súa actividade comercializadora, o volume de produción é un factor importante. Por iso, na liña de incrementar dito volume, Horsal iniciou unha campaña de promoción da actividade hortícola entre persoas desempregadas.

Ben sexa de forma directa, coas persoas interesadas, ben en colaboración con entidades intermedias, Horsal presta asesoramento para a posta en marcha de cultivos hortícolas e comprométese á comercialización da produción.

Video:

As principais cuestións para o debate
  • Cales son os mellores apoios para fomentar o emprendemento na horta? Neste caso, ofrécese a garantía de comercialización e o asesoramento técnico.
  • O éxito das novas iniciativas agrarias depende de que as persoas crean no que fan e se identifiquen co traballo.

CDR Ancares, o protagonismo da comunidade

imaxen CDR Ancares

O obxectivo do CDR é poñerse do lado da xente e tratar de acadar a mellor calidade de vida, e por outra parte facer que isto non morra, buscando fontes de actividade económica. É un proxecto integral, que abrangue aspectos sociais, económicos, educativos, etc. e ao mesmo tempo integrado, é dicir, que xorde da comunidade. Os/as que van sacar isto adiante van ser os/as veciños/as.

Ademais da promoción de actividades xeradoras de riqueza económica, o CDR apoia programas con mulleres, coa infancia e, en colaboración con Cáritas, as axudas ao asentamento, dirixidas ás persoas maiores. Os elementos diferenciadores do servizo, veñen do respecto polo que as propias persoas maiores desexan.

Aténdense as necesidades que as persoas maiores definen: ao mellor é cortar leña en vez de limpar os cristais, ou facer os traballos máis duros da horta para que as persoas maiores poidan ir facendo os máis levadeiros e mantendo esta actividade, por poñer dous exemplos.

Ademais, a persoa que presta este apoio é elixida pola persoa maior, e non imposta. Trátase de alguén que lle ofreza confianza, normalmente veciños/as que xa coñece e cos/coas que se leva ben.

Video:

CDR Os Ancares, Proxecto Symbios from SymbiosProyect on Vimeo.

Tres ideas para coñecer ás persoas que traballan no CDR Os Ancares.

As principais cuestións para o debate
  • O papel técnico, facilitador das respostas endóxenas.
  • A prestación de servizos á medida das persoas, segundo as necesidades definidas pola xente.

Páxinas

X