Casa Romualdo, vivencia e acollida na Ribeira Sacra

É un proxecto de vida dunha familia que provén de Vigo e opta por trasladarse a unha aldea na Ribeira Sacra. Incide no cambio de valores e na autoestima vinculada á identidade rural.

No contorno máis próximo, a xente pensaba que o futuro está na cidade, mentres que esta experiencia rompe os esquemas. Un exemplo foi a propia rehabilitación: os contratistas e albaneis recomendaban tirar coa casa enteira e sen embargo agora de cando en vez traen eles mesmos a xente para que vexan como se recuperou a casa.

imaxen casa romualdo

Desde o ámbito de turismo rural, non prima o negocio, senón unha vivencia e acollida na terra (Galicia, a Ribeira Sacra); a casa é un portelo polo que a xente se achega á terra. Cómpre unha rede vital que é o que a xente quere coñecer.

Somos un elemento de dinamización de xente que está na nosa contorna. Levan pasado pola casa máis de seis mil persoas, que levan xerado ingresos e expectativas de vida a moita xente. Como experiencia, vai transmitindo que hai futuro fóra pero tamén aquí.

As principais cuestións para o debate
  • A valorización do patrimonio rural.
  • A prestación de servizos turísticos diferenciados e a necesidade de diversificación.

Consulta telefónica en atención primaria - SERGAS

imaxen consultas

Dentro da estratexia do SERGAS de poñer a sanidade ao servizo dos e das pacientes, e tento en conta a dispersión da poboación, o seu envellecemento entre e outras condicionantes, búscase mellorar a accesibilidade dos cidadáns ao sistema sanitario e a súa relación cos servizos sanitarios, potenciando o sistema de interacción non presencial cos mesmos.

No que respecta á atención a enfermidades crónicas, trátase de favorecer a implantación dos sistemas organizativos de atención que permitan consultas e revisións non presenciais por parte dos pacientes e das persoas coidadoras mediante o uso de las tecnoloxías da información e a comunicación.

O proxecto apóiase nas novas tecnoloxías: as consultas poden ser realizadas por teléfono, para solicitalas pode empregarse a aplicación web de cita médica e para prestar o servizo o persoal médico pode consultar a historia clínica electrónica e empregar, no seu caso, a aplicación da e-receita.

As principais cuestións para o debate
  • Novas tecnoloxías da comunicación e mellora da atención sanitaria.
  • Respostas á medida de territorios con dispersión poboacional.

Reasentamento rural en Irlanda

O obxectivo desta iniciativa é o reasentamento de residentes do medio urbano en localidades rurais. O programa destínase xeralmente ás familias desempregadas de comunidades urbanas altamente conxestionadas e marxinadas (principalmente de Dublín). As familias candidatas son avaliadas para asegurar baixas taxas de fracaso. Búscase, por exemplo, que sexan proactivas na busca de traballo nas localidades de destino. Ofrécenlles axuda para localizar e pagar o aluguer de casas no rural.

imaxen Reasentamento rural en Irlanda

Un dos colectivos significativos cos que se promoveu o reasentamento rural é o da poboación inmigrante, tratando de mitigar os efectos da súa concentración en “guetos” urbanos.

É unha iniciativa de abaixo cara a arriba, a cargo dunha organización non gubernamental fundada en 1990. Ata o momento preto de 700 familias fixéronse rurais, cunha taxa de éxito superior ao 80%.

http://www.ruralresettlement.com

As principais cuestións para o debate
  • O potencial non utilizado de comunidades rurais para a inclusión social e laboral
  • A forza de iniciativas de abaixo cara a arriba
  • As posibilidades de minimizar o desequilibrio territorial con iniciativas contracorrente

Estruming Days, iniciativas innovadoras no medio rural

imaxen estruming

Estruming Days é unha plataforma para a formación innovadora, o networking intersectorial e a comunicación actual das pequenas organizacións vinculadas ao rural galego. É unha comunidade de empresas e profesionais que aproveitan, transforman e dinamizan os recursos do medio rural dunha maneira innovadora e sustentable.

Parten de naturalizar a identidade híbrida rural-urbana, tan propia da sociedade galega actual, e potenciala como valor diferencial. E, ao mesmo tempo, facilitar o encontro, intercambio e colaboración entre profesionais de sectores e disciplinas diferentes, especialmente, empresas do sector primario con empresas da economía do coñecemento: I+D, deseño e tecnoloxía.

Vídeo:

Estruming from SymbiosProyect on Vimeo.

Encontro e traballo colaborativo entre iniciativas rurais, para potenciar a innovación.

As principais cuestións para o debate
  • Das formas de axuda mutua comunitarias ao networking.
  • Vinculación entre a cultura urbana e as iniciativas no rural.

Campa da Braña, un medio de vida na montaña

Trátase dun establecementos turístico, con hospedaxe, bar-restaurante e albergue, situado na montaña, na Serra dos Ancares.

O feito de ser rexentado por persoas que proveñen do mundo urbano reflíctese no tipo de servizo que prestan: o establecemento responde á expectativa de ir á montaña a desconectar e a estar en contacto coa natureza.

O feito de ser de fóra fai que levar adiante unha iniciativa deste tipo se faga máis duro, sobre todo porque non se conta con redes de apoio familiar, e tamén porque custa tempo integrarse na comunidade.

imaxen campabranha

A iniciativa destácase polo impacto na inclusión laboral e o arraigo de poboación nunha zona en profunda crise de despoboamento. O impacto económico vai máis alá, ao ofrecer unha restauración baseada no produto local que contribúe ao impulso doutras iniciativas da zona.

Vídeo:

CampaBranha from SymbiosProyect on Vimeo.

Pousada na monaña dos Ancares.

As principais cuestións para o debate
  • A perspectiva das potencialidades locais vista desde a neorruralidade.
  • Actividade económica a partir da posta en valor do patrimonio natural.

Feiraco, impulsando o papel da muller na economía rural

Feiraco é unha cooperativa agraria creada no ano 1968 na Comarca da Barcala. É unha gran cooperativa, con 100 millóns de euros de facturación, case 200 empregos directos, 3.460 persoas socias e máis de 500 granxas produtoras de leite.

Feiraco ten un plan de igualdade onde se recollen medidas de conciliación para o seu persoal asalariado. Tamén impulsou un proceso de relevo xeracional nas explotacións, que deu como resultado en moitos casos un relevo en clave feminina: o 65% das súas explotacións gandeiras ten como titular unha muller.

Feiraco, impulsando o papel da muller na economía rural

Conforme a esta realidade, e ao papel que xogan as mulleres no medio rural, Feiraco está a impulsar a presenza feminina no consello reitor e nos grupos de traballo, impulsando iniciativas de formación, visitas, proxectos de diversificación produtiva, servizos de axuda a domicilio... e fortalecendo o protagonismo feminino no impulso e a concepción de novos proxectos.

Vídeo:

Video Feiraco, impulsando o papel da muller na economía rural

As principais cuestións para o debate
  • Oportunidades de inclusión laboral feminina.
  • Servizos de axuda no fogar e conciliación no rural.

Arqueixal, a tradición ten viabilidade económica

imaxen arqueixal

Arqueixal é unha empresa familiar, que integra unha granxa de vacuno ecolóxica que xestiona 30 hectáreas, unha produción artesanal de queixo iogur e leite fresco, unha actividade de agroturismo e iniciativas para a recuperación do patrimonio cultural rural.

A característica fundamental é a aposta pola agroecoloxía adaptada ao territorio, á paisaxe tradicional e á estrutura minifundista da propiedade.

Arqueixal susténtase en catro piares:

  • A produción de leite, con 35 vacas e custodia de 30 ha. de terreo, algunhas de propiedade e outras alugadas.
  • A transformación artesanal de produtos: principalmente queixos e tamén iogures e outros derivados.
  • O ecoagroturismo activo, a partir da rehabilitación de edificios na aldea de Albá.
  • A cultura do coñecemento baseada na tradición, con actividades coma o Son da Aldea, o ciclo do liño, as mallas ou a recuperación lingüística de termos do mundo agrario.

Vídeo:

As principais cuestións para o debate
  • Desenvolvemento sostible con base nos recursos endóxenos fronte a dimensionamento, mecanización e insumos externos.
  • Diversificación de actividades e posta en valor do patrimonio rural.

Se é necesario, ten que ser posible: a experiencia do CDR O Viso

No ano 1985 creouse a Asociación Cultural O Cruceiro e no ano 1990 reconverteuse no CDR O Viso. A idea principal era recuperar o espírito comunitario, que se estaba a perder. A escola, que estaba abandonada, recuperouse como local social. Tamén se recuperaron festas como o entroido ou os magostos.

imaxen mulleres de O Viso

No CDR O Viso sempre se tratou de dar unha resposta comunitaria ante as diferentes necesidades e retos que foron xurdindo. Na actualidade as súas iniciativas abranguen actividades educativas interxeracionais a través da vila-escola, prestación de servizos de proximidade para maiores, unha vivenda comunitaria, a promoción do emprego e a formación, actividades culturais e de recuperación do patrimonio, entre outras.

Vídeo:

CDR O Viso, Proxecto Symbios from SymbiosProyect on Vimeo.

Recomendacións a partir da experiencia do CRD O Viso, en Lodoselo.

As principais cuestións para o debate
  • O protagonismo da comunidade e dos seus saberes tradicionais.
  • Reto do persoal técnico: prestar servizos á medida do medio rural e da súa identidade.

Monte Cabalar, recuperación da riqueza do monte, a través de usos tradicionais e organización cooperativa

Monte Cabalar agrupa 3.600 propiedades de máis de 1.000 propietarios nunha explotación gandeira en extensivo con máis de 700 ha de monte nas parroquias de Somoza, Tabeirós, Nigoi, Arca e Souto (concello da Estrada) co obxectivo de intervir sobre o abandono e o minifundio.

imaxen Monte Cabalar,

O proceso social xerado a partir de marzo de 2006 culminou na constitución dunha cooperativa de explotación comunitaria da terra, coa participación de máis de 360 persoas socias, e que ten como actividade a explotación silvopastoral en réxime cooperativo.

O impacto directo no emprego foi importante até o 2010 manténdose 8 empregos que se foron reducindo até os 2 que hai na actualidade. Tamén foi un exemplo para outras iniciativas na zona: apareceron nos últimos anos, 13 pequenas explotacións gandeiras en extensivo xestionando terras agrícolas abandonadas pertencentes a diferentes veciños.

O seu impacto vai máis alá do local e Monte Cabalar é unha referencia para outros territorios, contribuíndo á creación e difusión de cultura de extensivo, de xestión do territorio e da propiedade, e do modelo cooperativista. Ter unha alternativa ao abandono do monte significa crear riqueza e frear o deterioro ambiental que ten a súa máxima expresión no lume.

Vídeo:

As principais cuestións para o debate
  • Custodia do territorio e recuperación de usos tradicionais.
  • Modelo de xestión cooperativizado, compatible co mantemento da micro-propiedade da terra.

O barrio do mañá. Deseñando e construíndo a suntentabilidade para o futuro en Limburg (Países Baixos)

imaxen cabeceira web The Neighbourhood of tomorrow

debuxo vivendaO obxectivo do proxecto é crear un ambiente estimulante para a transición cara a un ambiente construído sostible e subministración de enerxía sustentable. As institucións educativas, investigadores, negocios e autoridades públicas únense neste proxecto, desenvolvido en Harleen, que foi durante moito tempo un centro para a industria da minería de carbón en Holanda e que afronta hoxe un desafío demográfico profundo. Avantis é o lugar onde O Distrito do Mañá está a ser creado realmente.

Este programa innovador, iniciado en 2006, implica o deseño, estudo e proba de tecnoloxías sustentables para que poidan ser utilizadas “mañá” en novos barrios e edificios. Ata 2013 serán construídos catro edificios innovadores neste parque empresarial transfronteirizo. Cada edificio terá un tema diferente.

A visión dos proxectos implica a idea de que ó longo dun período de preto de trinta anos, o barrio vai converterse nun que é ambientalmente neutral, con impacto cero, cero enerxía, cero materiais, cero auga, cero terra, e cero aire.

http://www.dewijkvanmorgen.nl

As principais cuestións para o debate
  • Estratexias alternativas en áreas despoboadas/degradadas
  • A deconstrución e re-construción, dunha forma totalmente innovadora, como unha estratexia para xerar novas actividades e atraer novos habitantes.

Páxinas

X